martes, 30 de abril de 2024

Xornada do Día do Libro

Para celebrar a Semana do Libro realizamos unha xornada na que nos xuntamos todo o alumnado do CRA e na que participamos en diferentes obradoiros e actividades nas que unimos tal festividade co noso PDI Fiandeiras.


Nun dos obradoiros experimentamos coas herbas imprimíndoas en tinta con xelatina. O resultado foi marabilloso.







Outro dos obradoiros consistiu en realizar construcións libres con diferentes materiais non estruturados e libros de expurgo da biblioteca.









Tamén contamos cunha parada na que o alumnado se atopaba cunha exposición para a manipulación libre de tódolos materiais e xogos elaborados ao longo do PDI fiandeiras.




Outras das actividades das que puido desfrutar o alumnado foi de contadas musicadas en inglés co mestre de música e a mestra de inglés.

E para ter un momento de calma o alumnado asistía ao obradoiro de relaxación, no que podía atopar diferente material destinado a este fin, como  por exemplo, libros que levan á calma e a relaxación, as rás da calma, masaxeadores de cabeza…






Tamén sacamos unha selección de libros da biblioteca ao exterior para que o alumnado, de xeito libre, puidese acceder e desfrutar deles.




luns, 29 de abril de 2024

PRESENTACIÓN DO LIBRO HERBAS DA NOITE E TALLER DE ILUSTRACIÓN CON PAULA LAGO

Unha das actividades que realizamos para conmemorar a Semana do libro foi a visita de Dores Pereira e Paula Lago para presentar o seu libro "As herbas da noite".

O primeiro que fixeron foi expoñernos algunhas das herbas que aparecen no seu libro e xogamos a adiviñar cal era a planta que amosaban. Como as estamos a traballar no PDI Fiandeiras, moitas das plantas eran coñecidas para o alumnado e incluso sabían as súas propiedades. 

Dores explicounos porque escribiu o libro, cada ano saía coa súa filla a observar e recoller herbas, dun ano para outro, sendo difícil para ela recordar os nomes, polo que decidiu deixar conta das herbas no libro, recompilando por escrito o seu nome. 






Logo pasamos á parte de ilustración. O alumnado foi mesturando as cores primarias para obter novas cores e elixindo cal quería para realizar a súa produción. Tras ter cada un o seu bote de cristal coa cor, Paula Lago mostrounos como realizar unha ilustración coa técnica do chorreo e os nenos e nenas observaron, para deseguido, facer a súa propia.













Moitísimas grazas ás dúas, foi un obradoiro marabilloso!

xoves, 25 de abril de 2024

XORNADA DE CONVIVENCIA: DAMOS A BENVIDA Á PRIMAVERA

No CRA realizamos unha xornada de biblioteca na que nos xuntamos o alumnado das diferentes aulas para darlle a benvida á nova estación. 

Aproveitamos para introducir propostas relacionadas co PDI Fiandeiras introducindo técnicas que aprenderamos coa artista Vero Vicente para extraer o pigmento das plantas, flores, terras...Observamos as diferenzas de elementos cos das estacións anteriores, sendo estas cores moito máis vivas e variadas. 






Tamén contamos cun obradoiro de xogos sensoriais e calma, tentando ter eses momentos de sentir, de ser e de estar. Creamos xogos con herbas aromáticas para recoñecer por olores, formas, tocando… Ademais experimentamos con outros xogos, relaxámonos, e masaxeamos aos compañeiros e compañeiras que quixeron. 








Outro dos obradoiros propostos foi deixar a pegada das herbas de San Xoán en arxila. O alumnado experimentou coas masas, para finalmente darlle a forma desexada, coller herbas e imprimilas sobre a arxila. O resultado foi máxico.







Tamén realizamos un obradoiro de papel reciclado. Cortamos en anacos o papel para reciclar. Deixámolo en auga unha media hora. Pasamos o batedor para facer unha pasta. Elaboramos o papel. Ademais, coa pasta, flores secas e tamén recen cortadas -fento, fiuncho, xesta...- decoramos o papel colocado nos bastidores, e tamén engadimos pigmentos naturais. Experimentamos un proceso que nos pareceu moi divertido!







Outro dos obradoiros da xornada foi o de Bombas de sementes. Nel o alumnado mesturou substrato con arxila, e esparexeu sementes de falsa árnica, unha planta típica da zona con moita tradición, posto que é unha das plantas que se utiliza na realización das alfombras do Corpus. Posteriormente, o alumnado tiña como misión lanzar as bombas pola contorna.







Desenvolvemento do PDI

Durante a fase de desenvolvemento do PDI desenvolvemos diferentes propostas e actividades que nos permiten coñecer os diferentes usos e prop...