No CRA realizamos unha xornada de biblioteca na que nos xuntamos o alumnado das diferentes aulas para darlle a benvida á nova estación.
Aproveitamos para introducir propostas relacionadas co PDI Fiandeiras introducindo técnicas que aprenderamos coa artista Vero Vicente para extraer o pigmento das plantas, flores, terras...Observamos as diferenzas de elementos cos das estacións anteriores, sendo estas cores moito máis vivas e variadas.
Tamén contamos cun obradoiro de xogos sensoriais e calma, tentando ter eses momentos de sentir, de ser e de estar. Creamos xogos con herbas aromáticas para recoñecer por olores, formas, tocando… Ademais experimentamos con outros xogos, relaxámonos, e masaxeamos aos compañeiros e compañeiras que quixeron.
Outro dos obradoiros propostos foi deixar a pegada das herbas de San Xoán en arxila. O alumnado experimentou coas masas, para finalmente darlle a forma desexada, coller herbas e imprimilas sobre a arxila. O resultado foi máxico.
Tamén realizamos un obradoiro de papel reciclado. Cortamos en anacos o papel para reciclar. Deixámolo en auga unha media hora. Pasamos o batedor para facer unha pasta. Elaboramos o papel. Ademais, coa pasta, flores secas e tamén recen cortadas -fento, fiuncho, xesta...- decoramos o papel colocado nos bastidores, e tamén engadimos pigmentos naturais. Experimentamos un proceso que nos pareceu moi divertido!
Outro dos obradoiros da xornada foi o de Bombas de sementes. Nel o alumnado mesturou substrato con arxila, e esparexeu sementes de falsa árnica, unha planta típica da zona con moita tradición, posto que é unha das plantas que se utiliza na realización das alfombras do Corpus. Posteriormente, o alumnado tiña como misión lanzar as bombas pola contorna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario