Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no centro desenvolvemos unha proposta educativa adaptada ao noso alumnado co obxectivo de visibilizar o papel das mulleres en distintos ámbitos profesionais e fomentar valores de igualdade desde as primeiras idades.
A actividade conectouse co noso PDI e coa idea das peles de Hundertwasser, centrándonos nesta ocasión na terceira pel: a casa, entendida como o espazo que habitamos e que forma parte da nosa identidade. A partir desta reflexión, o alumnado pensou sobre os lugares nos que vive e sobre como estes poden ser espazos de coidado, convivencia e creatividade.
Tamén coñecemos o traballo de algunhas mulleres arquitectas destacadas, como Zaha Hadid, Lina Bo Bardi, Carme Pinós ou Izaskun Chinchilla, achegando así referentes femininos nun ámbito no que historicamente tiveron menor visibilidade.
A través de propostas artísticas e creativas, o alumnado puido expresar ideas e emocións relacionadas coa súa contorna máis próxima, reflexionando ao mesmo tempo sobre a importancia da igualdade e do respecto.
Con actividades como esta seguimos traballando para educar na igualdade desde a infancia e contribuír á construción dunha sociedade máis xusta e respectuosa.