O pasado xoves 16 de outubro celebramos no colexio o Día da Biblioteca, adiantando a data habitual do 24 de outubro por mor do tempo meteorolóxico.
Para esta
ocasión tan especial, contamos coa presenza do contacontos Anxo Moure,
que nos agasallou cunha sesión espectacular, chea de historias, emocións e
natureza.
Despois, o alumnado
participou en tres obradoiros organizados por grupos:
• No primeiro, entramos na nosa biblioteca para coñecela máis de preto,
descubrir os seus recunchos e escoitar un conto cheo de maxia.
• No segundo, estampamos e decoramos bolsas personalizadas, que agora
utilizamos con orgullo para o préstamo de libros.
• E no terceiro, demos nova vida a libros e materiais que ían ser desbotados,
creando pequenas obras artísticas con elementos da natureza e materiais
reutilizados.
Este curso,
ademais, a celebración estivo moi vencellada ao noso PDI (Proxecto
Documental Integrado), que parte da biblioteca afondando na metáfora das cinco
peles de Hundertwasser, e leva por título “As pegadas da nosa pel”.
A través deste proxecto imos mergullándonos nas distintas capas de pel coas que
o ser humano se relaciona coa contorna: desde o eu ata o hábitat,
a comunidade e o planeta.
Nesta liña,
a actividade das bolsas personalizadas adquiriu un significado moi especial, pois quixemos que cada unha
representase simbolicamente esas peles que nos acompañarán durante o curso.
Cada bolsa, como unha segunda pel, gardará os libros e historias que nos
axudarán a coñecernos mellor, a coidar o que nos rodea e a deixar a nosa propia
pegada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario