Con motivo do 23 de febreiro, Día de Rosalía, no centro desenvolvemos a proposta “Rosalía tamén vive aquí”, unha actividade para achegar o alumnado á figura e á poesía de Rosalía de Castro desde unha perspectiva próxima e significativa.
Partimos da idea de que Rosalía “vive” nas casas galegas, nas palabras que dicimos e no xeito no que sentimos o mundo. Esta proposta conectouse co noso PDI inspirado nas cinco peles de Hundertwasser, centrándonos nesta ocasión na terceira pel: a casa, entendida como o espazo que nos acolle, nos protexe e no que se constrúe o sentimento de pertenza.
A través da escoita e lectura de versos sinxelos de Rosalía, o alumnado achegouse á súa poesía, compartindo emocións, palabras que lles gustaban e lembranzas ou imaxes que os poemas lles evocaban. Tamén relacionamos os versos con cores, sons, elementos da natureza e cos diferentes lugares onde “vive Rosalía”: no corazón, na casa, na paisaxe e na lingua.
Como peche da actividade, cada aula escolleu un verso ou pequeno poema que lle gustou especialmente. Con eles elaboramos o cartaz “Rosalía tamén vive aquí”, levando así a súa palabra ás aulas, aos fogares e tamén á biblioteca do centro.
Deste xeito seguimos facendo que a nosa lingua e a nosa literatura formen parte da vida cotiá do alumnado, mantendo viva a voz dunha das figuras máis importantes da cultura galega.