martes, 24 de febreiro de 2026

Rosalía tamén vive aquí: A poesía que habita nas nosas casas

Con motivo do 23 de febreiro, Día de Rosalía, no centro desenvolvemos a proposta “Rosalía tamén vive aquí”, unha actividade para achegar o alumnado á figura e á poesía de Rosalía de Castro desde unha perspectiva próxima e significativa.

Partimos da idea de que Rosalía “vive” nas casas galegas, nas palabras que dicimos e no xeito no que sentimos o mundo. Esta proposta conectouse co noso PDI inspirado nas cinco peles de Hundertwasser, centrándonos nesta ocasión na terceira pel: a casa, entendida como o espazo que nos acolle, nos protexe e no que se constrúe o sentimento de pertenza.

A través da escoita e lectura de versos sinxelos de Rosalía, o alumnado achegouse á súa poesía, compartindo emocións, palabras que lles gustaban e lembranzas ou imaxes que os poemas lles evocaban. Tamén relacionamos os versos con cores, sons, elementos da natureza e cos diferentes lugares onde “vive Rosalía”: no corazón, na casa, na paisaxe e na lingua.

Como peche da actividade, cada aula escolleu un verso ou pequeno poema que lle gustou especialmente. Con eles elaboramos o cartaz “Rosalía tamén vive aquí”, levando así a súa palabra ás aulas, aos fogares e tamén á biblioteca do centro.

Deste xeito seguimos facendo que a nosa lingua e a nosa literatura formen parte da vida cotiá do alumnado, mantendo viva a voz dunha das figuras máis importantes da cultura galega.







Ningún comentario:

Publicar un comentario

Maio: Contos que florecen

Coa chegada do mes de maio, realizamos unha proposta na que unimos a maxia da narración oral coa arte floral de preservación de flores e pla...