xoves, 19 de febreiro de 2026

A segunda pel en festa: celebramos o Entroido

O pasado venres celebramos o Entroido no CRA A Picaraña, nunha xornada chea de cor, creatividade e moita diversión.

Este ano quixemos contextualizar esta tradición a través do noso Proxecto Documental Integrado “As pegadas da nosa pel”, inspirado na teoría das cinco peles de Hundertwasser, que describe as capas que conectan ao ser humano co mundo: a pel, a roupa, a casa, a contorna social e o planeta.

Nesta ocasión centrámonos especialmente na segunda pel: a roupa, entendéndoa como unha forma de expresión persoal e tamén como parte da nosa identidade social. Por iso, tomamos como referencia a bata tradicional galega, un elemento moi presente na nosa cultura.

O alumnado puido dar renda solta á súa imaxinación customizando as súas batas, ademais de peitearse ou maquillarse, convertendo o corpo e a roupa nun espazo creativo no que expresarse libremente.

Para rematar a xornada tivemos unha convidada moi especial, Uxía Morán, que nos agasallou con varias contadas para grandes e pequenos, poñendo o broche final a un día cheo de alegría e tradición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Mulleres que constrúen: aprendendo igualdade desde a aula

Con motivo da conmemoración do   8 de marzo, Día Internacional da Muller , no centro desenvolvemos unha proposta educativa adaptada ao noso ...