Esta proposta desenvolveuse tamén na biblioteca de Ganade, onde contamos coa colaboración dunha arquitecta, Mónica, nai dunha alumna do centro, que nos acompañou nun obradoiro creativo arredor da figura de Friedensreich Hundertwasser e do concepto da súa “terceira pel”, entendida como o espazo que habitamos e que tamén construímos.
A actividade comezou cunha breve explicación adaptada ao alumnado, na que se introduciu a importancia de respectar a natureza, empregar materiais orgánicos e crear espazos máis libres, creativos e persoais, seguindo a filosofía deste artista.
A continuación, pasouse á parte práctica, na que a arquitecta iniciou a construción dunha pequena cabana. Para comezar, colocou pedras como base, garantindo así a estabilidade da estrutura. Sobre elas situou tocóns de madeira, explicando ao alumnado como contribuían ao equilibrio do conxunto. Pouco a pouco, e coa participación activa dos nenos e nenas, foron engadíndose ramas longas que se apoiaban entre si, creando unha especie de armazón natural.
Finalmente, a cabana foi cuberta con teas, dándolle forma e converténdoa nun pequeno refuxio simbólico. Durante todo o proceso, o alumnado participou de maneira moi implicada, achegando ideas, colaborando na construción e experimentando coas posibilidades dos materiais, das formas e do equilibrio.
Esta actividade non só favoreceu a creatividade e o traballo cooperativo, senón que tamén permitiu afondar na conexión coa natureza e na comprensión dun xeito diferente de concibir os espazos que habitamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario