O mércores 13 de novembro xuntámonos na biblioteca e sede do CRA para celebrar o Magosto e os 25 anos da formación do noso colexio.
Aproveitamos a xornada para realizar unha proposta en torno un proxecto de @escolaimaxinada cuxa inspiración xorde da proposta “El albero” de Bruno Munari.
Nós fixemos a nosa adaptación e reinterpretación da proposta dando protagonismo á árbore de Ganade, un castiñeiro que é testemuña de historias, momentos e xogo libre.
Quixemos, nun primeiro momento, poñer en valor a biblioteca e amosar aos nenos e nenas aqueles recursos bibliográficos cuxa temática central é a árbore. Sinxelamente observaron os libros que estaban na mesma.
Posteriormente, invitamos aos nenos e nenas a crear as súas propias árbores rasgando papel continuo e unindo con cinta de pegar para crear a súa composición.
Unha vez rematado o paso anterior, enchimos de vida as nosas árbores pintando con carboncillo aqueles elementos que queríamos meter nas mesmas, dende páxaros ata froitas, o alumnado foi proxectando de xeito diferente as súas percepcións.
Por último, puxemos a nosa composición na árbore, vinculándoa e uníndoa á mesma, formando un todo.
O castiñeiro rematou sendo, inspiración, base expositiva e parte do resultado artístico final.
Ningún comentario:
Publicar un comentario