Inspirado nas cinco peles de Friedensreich Hundertwasser, nace o obradoiro “Pel con pel”, un espazo pensado para acompañar ese momento máxico no que o bebé e a súa figura de apego se recoñecen por primeira vez.
Entre caricias, arrolos e cancións de berce, vaise tecendo a base dos primeiros vínculos afectivos, mantendo viva a chama da tradición e o latexo da nosa cultura oral, tan presente na transmisión das emocións e da palabra compartida.
Nesta actividade tivemos a oportunidade de compartir un obradoiro coas familias, no que, a través de contos como “Piel con piel”, “Unha mamá é como unha casa” e diferentes cancións e nanas do mundo, se puxeron en valor estes momentos tan significativos da primeira infancia.
A xornada contou tamén cun momento moi especial, no que unha nai nos acompañou cantando cancións de berce, enchendo o espazo coa súa voz e creando unha atmosfera de calma e emoción compartida.



Ningún comentario:
Publicar un comentario