mércores, 22 de outubro de 2025

O RECUNCHO DE SAMAÍN NA BIBLIOTECA 🎃📚

Chega o outono, e con el, o arrecendo a cabazas, a follas secas e a historias que dan un chisquiño de medo… ou de risa.

A nosa biblioteca prepárase para celebrar o Samaín, unha data moi especial na nosa cultura galega.

Para a vindeira semana, crearemos un pequeno recuncho temático, onde agardarán algúns libros sobre meigas, pantasmas, cabaciñas e misterios outonais. Historias para descubrir, rir e compartir, que nos achegan ás nosas tradicións máis antigas.

Acompañando os libros, haberá unha decoración sinxela pero chea de maxia, feita con moito agarimo para ambientar este tempo de contos e imaxinación.

Será un espazo para parar, mirar e deixarse levar polas palabras, porque no Samaín tamén se pode celebrar lendo e soñando entre páxinas.

Cheo de encanto… así é o noso Recuncho de Samaín.




martes, 21 de outubro de 2025

UNHAS NOVAS CAIXAS CHEGAN ÁS AULAS 📦✨

Esta semana, algo moi especial saíu da nosa biblioteca: unhas caixas cheas de libros viaxaron polas aulas, levándose con elas un anaco de curiosidade.

Con esta proposta comezamos a traballar a primeira pel das cinco capas de Hassenwattser, un novo paso dentro do noso PDI, no que o alumnado explorará o coñecemento físico do corpo, as emocións e os pensamentos que nos fan ser quen somos.

As caixas gardan libros e textos informativos, seleccionados con agarimo, que nos axudarán a coñecer mellor o corpo humano, o que sentimos e o que pensamos. O obxectivo é poñer en contacto aos nenos e nenas co texto expositivo e a través del, ir descubrindo como os libros poden ser fonte de investigación, curiosidade e descubrimento.

A través das lecturas e pequenas investigacións, o alumnado poderá afondar nalgunha motivación especial que xurda en cada aula, deixando que a curiosidade marque o camiño.

Esta é só a primeira capa… a primeira pel que nos conecta co mundo e con nós mesmos.
Un comezo cheo de palabras, preguntas e aprendizaxes compartidas 🌿📚





venres, 17 de outubro de 2025

DÍA DA BIBLIOTECA: CONTOS, ARTE E CREATIVIDADE COMPARTIDA

O pasado xoves 16 de outubro celebramos no colexio o Día da Biblioteca, adiantando a data habitual do 24 de outubro por mor do tempo meteorolóxico.

Para esta ocasión tan especial, contamos coa presenza do contacontos Anxo Moure, que nos agasallou cunha sesión espectacular, chea de historias, emocións e natureza.

Despois, o alumnado participou en tres obradoiros organizados por grupos:
• No primeiro, entramos na nosa biblioteca para coñecela máis de preto, descubrir os seus recunchos e escoitar un conto cheo de maxia.
• No segundo, estampamos e decoramos bolsas personalizadas, que agora utilizamos con orgullo para o préstamo de libros.
• E no terceiro, demos nova vida a libros e materiais que ían ser desbotados, creando pequenas obras artísticas con elementos da natureza e materiais reutilizados.

Este curso, ademais, a celebración estivo moi vencellada ao noso PDI (Proxecto Documental Integrado), que parte da biblioteca afondando na metáfora das cinco peles de Hundertwasser, e leva por título “As pegadas da nosa pel”. A través deste proxecto imos mergullándonos nas distintas capas de pel coas que o ser humano se relaciona coa contorna: desde o eu ata o hábitat, a comunidade e o planeta.

Nesta liña, a actividade das bolsas personalizadas adquiriu un significado moi especial, pois quixemos que cada unha representase simbolicamente esas peles que nos acompañarán durante o curso. Cada bolsa, como unha segunda pel, gardará os libros e historias que nos axudarán a coñecernos mellor, a coidar o que nos rodea e a deixar a nosa propia pegada.

Foi unha mañá chea de imaxinación, respecto polo medio e amor polos libros, na que o noso alumnado volveu demostrar que ler, crear e compartir son os mellores camiños para aprender xuntos.



mércores, 15 de outubro de 2025

SENTE, CREA. O PODER DAS EMOCIÓNS

Con motivo da conmemoración do Día da Saúde Mental, o pasado martes 14 de outubro realizouse un obradoiro moi especial na nosa biblioteca. A través dos contos, o noso alumnado explorou a relación entre as emocións e a expresión artística, descubrindo como o que sentimos tamén pode transformarse en arte.

Baixo o título “Sente, crea. O poder das emocións”, cada neno e nena participou nunha experiencia de creación compartida: entre fíos entrecruzados para tecer, fiar, enredar e anudar, fomos dando forma, con calma, a pequenas pezas feitas con materiais cotiás e humildes.

Nesta actividade, o acto de crear pausadamente converteuse nun espazo de conexión e coidado, onde os fíos unían ideas, emocións e persoas; onde xuntamos para embelecer, cubrir e protexer.

Foi unha xornada chea de sensibilidade e creatividade... e saíu todo xenial!



domingo, 8 de xuño de 2025

PDI: CREACIÓNS ARTÍSTICAS DAS FAMILIAS CO MATERIAL DA MOCHILA VIAXEIRA

 


DÍA DA PAZ

Con motivo da celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, e tendo en conta o noso PDI que ten a arte e o movemento como fio condutor, o noso alumnado levou a cabo unha performance inspirada na emblemática obra The Artist is Present da artista Marina Abramović.

Cada neno e nena sentou, por quendas, nunha cadeira fronte a outra baleira. Os demais nenos e nenas e docentes, foron convidados a sentar fronte a eles, compartindo un momento de conexión sen palabras, só a través da mirada e da presenza consciente. 

Nun mundo cheo de ruído, esta acción sinxela puxo o foco na escoita, no respecto e na atención plena ao outro.

Esta experiencia converteuse nun acto simbólico de paz: un espazo onde o silencio se enche de sentido, onde a mirada recoñece ao outro como igual, e onde a arte serve como ferramenta para construír pontes de empatía, afecto e comprensión mutua.

luns, 2 de xuño de 2025

INVESTIGACIÓN SOBRE OS INSECTOS POLINIZADORES

 Logo de observar no patio e na horta a presenza destes insectos, fíxose necesario observar o proceso de polinización e máis distinguir cales os estes bechos que colonizan as nosas plantas para polinizalas e diferencialos das plagas.



E dos libros, con toda a información que tiñamos, pasamos á horta, para buscar in situ aos bechiños dos que nos falaban os libros:

E máis polo miúdo, focalizamos a nosa investigación nas abellas como grandes polinizadores:

Para concluir o traballo, inserimos a información recabada no noso "Caderno naturalista" un libriño feito ao longo do curso coas investigacións e pesquisas no que o alumnado participa  na elaboración e redacción do texto, e ademais escriben, debuxan, representan, fan propostas artísticas... 



A Bibliopicaraña recomenda: historias para mirar, sentir e descubrir

Na Biblioteca do CRA A Picaraña seguimos enchendo as nosas mochilas de historias que nos emocionan, nos fan pensar e nos acompañan no día a ...