luns, 18 de novembro de 2024

PROPOSTA ARTÍSTICA: A ÁRBORE.

O mércores 13 de novembro xuntámonos na biblioteca e sede do CRA para celebrar o Magosto e os 25 anos da formación do noso colexio.

Aproveitamos a xornada para realizar unha proposta en torno un proxecto de @escolaimaxinada cuxa inspiración xorde da proposta “El albero” de Bruno Munari.

Nós fixemos a nosa adaptación e reinterpretación da proposta dando protagonismo á árbore de Ganade, un castiñeiro que é testemuña de historias, momentos e xogo libre.

Quixemos, nun primeiro momento, poñer en valor a biblioteca e amosar aos nenos e nenas aqueles recursos bibliográficos cuxa temática central é a árbore. Sinxelamente observaron os libros que estaban na mesma. 

Posteriormente, invitamos aos nenos e nenas a crear as súas propias árbores rasgando papel continuo e unindo con cinta de pegar para crear a súa composición. 

Unha vez rematado o paso anterior, enchimos de vida as nosas árbores pintando con carboncillo aqueles elementos que queríamos meter nas mesmas, dende páxaros ata froitas, o alumnado foi proxectando de xeito diferente as súas percepcións.

Por último, puxemos a nosa composición na árbore, vinculándoa e uníndoa á mesma, formando un todo. 
O castiñeiro rematou sendo, inspiración, base expositiva e parte do resultado artístico final. 







mércores, 30 de outubro de 2024

XORNADA DE BIBLIOTECAS

Este martes 29 de outubro todo o alumnado e profesorado do CRA nos xuntamos na Biblioteca para celebrar o Día das bibliotecas. Con tal motivo realizamos varios obradoiros enmarcados dentro da motivación do PDI CREARTE que desenvolveremos este ano

Trátase dun proxecto artístico que pon en escena a arte e o movemento como instrumento de autocoñecemento e coñecemento da contorna, tamén como un fin en si mesmo do que gozar, sentir e valorar.

Para esta xornada planificamos un primeiro momento da mañá no que os nenos e nenas se puideron poñer en contacto cos novos materiais e espazos exteriores e interiores da nosa biblio en Ganade.

Tamén plantexamos os seguintes obradoiros:

1. Formación usuarias/os. Coñecemento dos libros artísticos que forman parte da biblioteca. Lectura do conto “Un artista é…” e experimentación e observación dos libros pop-up, libros informativos sobre artistas, fotografías de obras artísticas… que forman parte deste espazo. 

2. Decoración a través do estampado das bolsas para o préstamo (elementos naturais e cores suaves).

3. Coñecemento da técnica plástica: marmolado, motivando a proposta co conto “Moncho e a mancha”.

4. Movemento con panos. Deixándonos levar polo movemento do corpo, a música e o vento. 

5. Zona de calma e relaxación, para eses momentos que precisamos durante a xornada. 

Ademais, nesta xornada tivemos a sorte de contar con Erica Iglesias, que nos achegou á música tradicional, amosounos instrumentos e obxectos cotiás cos que facer música e aprendemos cancións gozando coa súa marabillosa voz. 
















domingo, 27 de outubro de 2024

RECURSOS PARA FESTEXAR O SAMAÍN

Achégase a semana máis aterradora do curso, e para meternos o medo no corpo, dende a biblioteca do CRA A Picaraña realizamos unha escolma dos contos máis terroríficos. Algúns deles son:


“A miña amiga a escuridade” de Ella Burfoot. Editorial Baía.

“Donde viven los monstruos”, de Maurice Sendak. Editorial Kalandraka.
“O Papón” de Pablo Albo & Maurizio A. C. Quarello. Editorial OQO.
"Corre, corre, cabaciña" de Eva Mejuto e André Letria. Editorial OQO.
"Guapa" de Harold Jiménez Canizales. Editorial Apila.
"A pantasma colorida" de  Gema García e Rocío Pedreira. Editorial Hércules. 
"Sete monstros e un gato" deRafael Ordóñez e Christian Inaraja. Editorial Kalandraka.
"Hugo, que miedo tuvo" de Lluís Farré e Mercè Ubach. Editorial Carambuco.

Podedes atopalos todos na sección temática da nosa biblio.

Agardamos que vos gusten!





mércores, 22 de maio de 2024

Desenvolvemento do PDI

Durante a fase de desenvolvemento do PDI desenvolvemos diferentes propostas e actividades que nos permiten coñecer os diferentes usos e propiedades das plantas medicinais da nosa contorna máis próxima, vinculadas a nosa tradición oral, así como recoller, grazas ás familias e persoas da contorna, diferentes cantinelas, rituais, propiedades máxicas e curativas relacionadas con estas plantas.


Proceso de investigación: durante o proceso de investigación realizamos diferentes propostas, como:

- Empregar diferentes recursos para obter información:
  • Persoas expertas: realizamos xornadas interxeneracionais para compartir coñecementos referidos aos usos e propiedades das plantas. Tamén nos visitaron a autora, Dores Pereira e ilustradora, Paula Lago, do libro, “Herbas da noite”, e déronnos información, ditos e técnicas para ilustrar as plantas.
  • Bibliografía especializada: consultamos libros informativos para a busca de respostas. “Herbas da noite” (Dores Pereira e Paula Lago), “7 Herbas máxicas” (Rosalía Bermúdez), “Plantas mediciñais de Galiza” (editorial A Nosa Terra) entre outros títulos.
  • Ferramentas tecnolóxicas de identificación de plantas: plannet, Google lens, Natusfera… Observamos mediante microscopios as plantas medicinais do bancal.
- Plantar nos bancais plantas con propiedades medicinais e coñecer as súas características, propiedades, usos… fixemos rexistros e etiquetamos.

- Recoller e clasificar sementes. Fixemos sementeiros para posteriormente plantar e seguir o ciclo da vida das plantas.

- Realizar fichas técnicas e herbarios coas plantas medicinais aportadas polas familias e as recollidas no noso bancal, empregando fotografías, técnicas plásticas de representación (frotagge, estampado…) así como prensándoas e pegando en fichas posteriormente.

- Recoller e rexistrar remedios naturais, pócimas, ungüentos, cantigas, propiedades máxicas,…das plantas.

- Coñecer e reproducir costumes, rituais, ritos e tradicións galegas relativas as plantas máxicas da noite de San Xoán como por exemplo: Elaborar ramos de Xesta o 29 de abril para protexer os nosos bens.


Deixámosvos con un vídeo no que se recollen varias destas actividades.

 


venres, 17 de maio de 2024

RECOMENDACIÓNS PARA CELEBRAR O 17 DE MAIO


Deixamos por aquí as nosas propostas de literatura en galego para celebrar o Día das nosas Letras. Nada mellor que festexar cun libro!





 

martes, 30 de abril de 2024

Xornada do Día do Libro

Para celebrar a Semana do Libro realizamos unha xornada na que nos xuntamos todo o alumnado do CRA e na que participamos en diferentes obradoiros e actividades nas que unimos tal festividade co noso PDI Fiandeiras.


Nun dos obradoiros experimentamos coas herbas imprimíndoas en tinta con xelatina. O resultado foi marabilloso.







Outro dos obradoiros consistiu en realizar construcións libres con diferentes materiais non estruturados e libros de expurgo da biblioteca.









Tamén contamos cunha parada na que o alumnado se atopaba cunha exposición para a manipulación libre de tódolos materiais e xogos elaborados ao longo do PDI fiandeiras.




Outras das actividades das que puido desfrutar o alumnado foi de contadas musicadas en inglés co mestre de música e a mestra de inglés.

E para ter un momento de calma o alumnado asistía ao obradoiro de relaxación, no que podía atopar diferente material destinado a este fin, como  por exemplo, libros que levan á calma e a relaxación, as rás da calma, masaxeadores de cabeza…






Tamén sacamos unha selección de libros da biblioteca ao exterior para que o alumnado, de xeito libre, puidese acceder e desfrutar deles.




luns, 29 de abril de 2024

PRESENTACIÓN DO LIBRO HERBAS DA NOITE E TALLER DE ILUSTRACIÓN CON PAULA LAGO

Unha das actividades que realizamos para conmemorar a Semana do libro foi a visita de Dores Pereira e Paula Lago para presentar o seu libro "As herbas da noite".

O primeiro que fixeron foi expoñernos algunhas das herbas que aparecen no seu libro e xogamos a adiviñar cal era a planta que amosaban. Como as estamos a traballar no PDI Fiandeiras, moitas das plantas eran coñecidas para o alumnado e incluso sabían as súas propiedades. 

Dores explicounos porque escribiu o libro, cada ano saía coa súa filla a observar e recoller herbas, dun ano para outro, sendo difícil para ela recordar os nomes, polo que decidiu deixar conta das herbas no libro, recompilando por escrito o seu nome. 






Logo pasamos á parte de ilustración. O alumnado foi mesturando as cores primarias para obter novas cores e elixindo cal quería para realizar a súa produción. Tras ter cada un o seu bote de cristal coa cor, Paula Lago mostrounos como realizar unha ilustración coa técnica do chorreo e os nenos e nenas observaron, para deseguido, facer a súa propia.













Moitísimas grazas ás dúas, foi un obradoiro marabilloso!

A Bibliopicaraña recomenda: historias para mirar, sentir e descubrir

Na Biblioteca do CRA A Picaraña seguimos enchendo as nosas mochilas de historias que nos emocionan, nos fan pensar e nos acompañan no día a ...