martes, 2 de xuño de 2026

Vestirse de conto: ler, xogar e imaxinar

Na biblioteca puxemos en marcha unha proposta moi especial chamada “Vestirse de conto”, coa que queremos achegar a lectura ao alumnado dun xeito máis vivencial, lúdico e creativo.

Trátase de varias caixas temáticas nas que se inclúe un libro seleccionado e, ademais, diferentes elementos para disfrazarse e recrear os personaxes ou situacións da historia. Deste xeito, a lectura convértese nunha experiencia completa na que non só se escoita ou se le un conto, senón que tamén se pode vivir e representar.

O obxectivo desta proposta é favorecer a comprensión dos relatos, estimular a imaxinación e fomentar o xogo simbólico, permitindo que cada nena e neno se achegue aos contos desde o corpo, a emoción e a participación activa.

Así, vestirse de conto convértese nunha maneira de facer da biblioteca un espazo aínda máis vivo, onde os libros saen das páxinas para transformarse en experiencias compartidas cheas de creatividade e diversión.





As cinco peles de Hundertwasser: produtos finais do noso PDI

Tendo en conta o noso Proxecto Documental Integrado baseado nas cinco peles de Friedensreich Hundertwasser, en cada aula desenvolvéronse diferentes produtos finais que nos permitiron afondar en cada unha das capas que conectan ás persoas co mundo.


Primeira pel: o eu

Na primeira pel, centrada no “eu”, o alumnado elaborou un libro de non ficción enumerativo. Trátase dun traballo de exploración e investigación no que cada aula puido descubrir nova información.



Segunda pel: a roupa

Na segunda pel, dedicada á roupa, creouse a figura dunha persoa (eles mesmos) á que se lle foron engadindo diferentes prendas. Este traballo permitiu reflexionar sobre a roupa como forma de expresión e como parte da nosa identidade social.




Terceira pel: a casa

Na terceira pel, vinculada ao concepto de casa, o alumnado construíu diferentes representacións de fogares empregando cartón, debuxos e outros materiais. Estas creacións permitiron reflexionar sobre o espazo que habitamos e o sentimento de pertenza.




Cuarta pel: a familia e a comunidade

Na cuarta pel traballouse a familia e a comunidade, representándoa a través de xogos simbólicos e da elaboración dunha “familia na nosa cabeza”. Esta actividade permitiu explorar os vínculos afectivos e a importancia das relacións próximas.




Quinta pel: o planeta

Na quinta e última pel, todas as anteriores se integraron nun traballo global centrado no planeta. O produto final foi un “libro de capas”, no que se recolleu a idea de que todas estas dimensións forman parte dun mesmo sistema no que habitamos e convivimos.



A través destas propostas, o alumnado puido comprender de forma creativa e significativa a visión de Hundertwasser, conectando identidade, contorna e planeta nun mesmo proceso de aprendizaxe.

Da sorpresa á investigación: descubrindo seres vivos na aula

Durante este curso, na biblioteca do centro levamos a cabo dúas pequenas propostas de investigación co alumnado, co obxectivo de espertar a curiosidade e achegarnos ao mundo natural desde unha mirada máis próxima e significativa.


Investigando os ratos (Aula de Pías)

Na Aula de Pías traballamos arredor dos ratos, uns pequenos animais que espertaron moito interese no alumnado ao aparecer na aula de forma espontánea, xerando curiosidade, sorpresa e numerosas preguntas.

A partir desta situación real, iniciamos unha pequena investigación na que fomos descubrindo como viven, onde habitan, que comen e como se adaptan ao seu entorno.

A experiencia permitiunos observar con máis atención, contrastar ideas previas e desenvolver unha mirada máis respectuosa cara aos seres vivos que nos rodean.

https://youtu.be/sQ46s1Bx7Jo?is=rfl_1EbzkRS_u51o 


Descubrindo o mundo dos insectos (Aula de Parada)

Na Aula de Parada achegámonos ao mundo dos insectos, que tamén apareceron na aula e espertaron de inmediato o interese do alumnado.

A través de imaxes, libros e pequenas explicacións, fomos coñecendo diferentes tipos de insectos, as súas características principais e a súa importancia dentro do equilibrio da natureza.

Esta proposta converteuse nunha oportunidade para observar con máis detalle o entorno máis próximo e comprender a gran diversidade de pequenos seres vivos que nos rodean.








martes, 5 de maio de 2026

Maio: Contos que florecen

Coa chegada do mes de maio, realizamos unha proposta na que unimos a maxia da narración oral coa arte floral de preservación de flores e plantas, explorando diferentes técnicas creativas.

A partir de diversos contos, o alumnado puido deixar voar a imaxinación mentres se achegaba ao mundo das flores, observando, manipulando e creando composicións que combinan natureza e expresión artística.

Unha actividade na que literatura e arte se entrelazan, favorecendo a creatividade, a sensibilidade estética e o goce pola lectura compartida.





xoves, 30 de abril de 2026

Os dentes baixo a lupa: Aprendendo a coidar o noso sorriso

Nunha das nosas escoliñas realizamos unha pequena investigación sobre os dentes, unha proposta enmarcada dentro do Proxecto Documental Integrado deste curso.

Nesta ocasión tivemos a gran sorte de contar coa visita de Sabela, odontóloga, que nos acompañou nunha sesión moi especial.

Con moito agarimo e un enorme sorriso, explicounos numerosas curiosidades sobre a nosa dentadura e achegounos recomendacións moi valiosas sobre como coidala correctamente no día a día.

Un encontro moi enriquecedor que nos axudou a tomar conciencia da importancia da hixiene bucal e dos bos hábitos para manter unha boca saudable.





Pel con pel: Primeiros afectos, primeiras palabras

Inspirado nas cinco peles de Friedensreich Hundertwasser, nace o obradoiro “Pel con pel”, un espazo pensado para acompañar ese momento máxico no que o bebé e a súa figura de apego se recoñecen por primeira vez.

Entre caricias, arrolos e cancións de berce, vaise tecendo a base dos primeiros vínculos afectivos, mantendo viva a chama da tradición e o latexo da nosa cultura oral, tan presente na transmisión das emocións e da palabra compartida.

Nesta actividade tivemos a oportunidade de compartir un obradoiro coas familias, no que, a través de contos como “Piel con piel”, “Unha mamá é como unha casa” e diferentes cancións e nanas do mundo, se puxeron en valor estes momentos tan significativos da primeira infancia.

A xornada contou tamén cun momento moi especial, no que unha nai nos acompañou cantando cancións de berce, enchendo o espazo coa súa voz e creando unha atmosfera de calma e emoción compartida.









xoves, 23 de abril de 2026

Día do Libro: Cinco maneiras de vivir unha historia

Con motivo do Día do Libro, no centro organizamos unha proposta moi especial na que o alumnado puido achegarse á lectura desde diferentes linguaxes e experiencias.

A partir dun mesmo conto como fío condutor, desenvolvéronse cinco obradoiros nos que os libros se converteron en punto de partida para explorar distintas áreas do coñecemento.

Nun dos talleres traballamos cun libro en inglés, achegándonos á lingua dun xeito lúdico e significativo. Noutro, a psicomotricidade converteu o conto en movemento, permitindo ao alumnado expresarse co corpo. A música tamén estivo presente, dando ritmo e son á historia e enriquecendo a súa comprensión.

Nunha proposta moi especial, combinamos lingua de signos e yoga, creando un espazo de comunicación, calma e conciencia corporal. Finalmente, o obradoiro de arte permitiu reinterpretar o conto desde a creatividade plástica, dando forma visual ás emocións e personaxes da historia.

Unha xornada na que os libros demostraron, unha vez máis, que poden vivirse de moitas maneiras diferentes, máis alá da lectura tradicional, espertando a curiosidade, a participación e o goce por aprender.






A Bibliopicaraña recomenda: historias para mirar, sentir e descubrir

Na Biblioteca do CRA A Picaraña seguimos enchendo as nosas mochilas de historias que nos emocionan, nos fan pensar e nos acompañan no día a ...